A feira do audiovisual

zapataDefinir o audiovisual galego sempre foi difícil para calquera que se enfrontara a semellante reto intelectual. Eu, dende a miña experiencia, definiría este sector coma unha "feira" coma as que lembro da infancia na aldea. E como se dí "cada quen fala da Feira segundo lle foi nela”. As opinións que temos todos están influídas polo noso interese persoal ou profesional pero existe unha realidade económica que poucas veces é subxectiva e que nos proporciona unha visión moi clara do audiovisual galego. Un artigo de Xosé Zapata.

A súa cuestionable calidade e os fracasos fan visibles as grandes eivas do audiovisual e, sobre todo, unha realidade que moitos intentan ocultar detrás de estreas de postín, premios de suposto prestixio e directamente porque non dicilo, de mentiras.

Tendo en conta os máis de 20 anos que leva existindo  a nosa televisión pública, os 10 anos de convocatorias anuais de axudas da Xunta de Galicia e os 8 anos de Lei Audiovisual (consensuada por todos os partidos e nunca aplicada por ninguén), creo que hai suficiente información como para sacar algunha conclusión obxectiva. As cifras non deixan lugar a dúbidas: Galiza é a segunda Comunidade Autónoma con maiores subvencións ao audiovisual * (4 millóns de euros), so por detrás de Cataluña e moi por diante do País Vasco ou Valencia con (3 millóns de euros) cifras que inclúen por exemplo o apoio ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A Televisión de Galicia é a cuarta televisión autonómica de España con maior orzamento (100 millóns de euros anuais)* do cal adica a produción externa (ou sexa, a realizada por produtoras privadas galegas) unha porcentaxe moi superior á de outras televisións (o 60%)*. Na Galiza na actualidade funcionan 8 institucións con fondos públicos para o apoio e a organización do audiovisual:

  • Academia Galega do Audiovisual
  • Cluster Audiovisual de Galicia
  • Consorcio Audiovisual de Galicia
  • AGAPI
  • AEGA
  • Centro Galego de Artes da Imaxe
  • Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
  • Axencia Audiovisual Galega.

Sen contar as "Films Comissions" e Consellos das cidades, principalmente o de Santiago, que tamén teñen fondos de apoio a iniciativas audiovisuais, ademais dos premios Mestre Mateo, os Premios Chano Piñeiro e varios Festivais de diversos orzamentos. 
 
Con todos estes datos pódese afirmar que o sector cultural con máis apoio institucional na Galiza é o audiovisual, cuantificándose a inversión realizada, aproximadamente, en máis de 600 millóns de euros en produción de cine e televisión nos últimos 10 anos.

Poderíamos debatir moito sobre o diñeiro do audiovisual pero hai unha conclusión obxectiva: o audiovisual galego está en débeda con Galiza. O País fixo unha inversión moi importante, por enriba das súas posibilidades, neste sector. Tanto os profesionais coma as institucións temos que ser conscientes deste esforzo e dirixir de maneira eficiente e con auténticos criterios de calidade a inversión feita e a que se vai a realizar. Uns criterios que hoxe en día non existen, e unha responsabilidade sobre as inversións que algúns botamos en falta.

Lémbrome que ao reamtar o mercado, no campo da feira da miña vila, acumulábase no chan a merda deixada por uns feirantes que levaban os petos ben cheos. Esperemos que o audiovisual galego non remate igual.   

*DATOS DE EGEDA ANUARIO 2003
*ORZAMENTO TVG APROXIMADO DO ANO 2005
*OBSERVATORIO DO AUDIOVISUAL GALEGO