O barrio de San Pedro é un lugar no mundo moi acolledor, se alguén de fora ven vivir nel cando leva unha semana xa coñece varios sitios onde lle deixar as chaves a alguén se o precisa. Xa presenta a priori unhas condicións axeitadas para o traballo de dinamización comunitaria, tanto no tempo como nos espazos e nas relacións, son moitas as asociacións e organizacións que levan anos traballando nel.-Un artigo de Patricia Porto Paderne
Existen ademais un gran número de lugares de encontro: pequenas tendas onde podes ficar a falar un bo pedazo, bares, moitos bares, entidades de vital importancia: asociación veciñal e os centros de dinamización sociocultural.
A idea de recuperar as festas xurde dentro da Coordenadora de Barrio e, despois de 15 anos, no 2003 vólvense celebrar as festas mobilizando o tecido social, asociativo empresarial do barrio.
A Comisión de festas, a través destes catro anos, viviu un proceso de consolidación interno importante como grupo humano reforzado polo apoio positivo de moitas persoas e entidades e funcionando como unha rede.
Os negocios do barrio son unha peza clave e implicáronse totalmente na recaudación, difusión e na programación. Unha das actividades do calendario festivo, a feira de artesanía na Rua de San Pedro, botou os seus tentáculos fora das datas festivas e xa se fixo en duas ocasións mais en colaboración coa Asociación de Comerciantes que se está a crear. Ambas con grande éxito de público e de satisfacción xeral. Isto benefícianos a todo o mundo, potencia a economía local e aumenta a autoestima das e dos habitantes.
Para a planificación das festas téñense en conta varios eixos claves:
- a participación e implicación activa dos axentes sociais ademais do traballo en rede
- a integración de todas as idades e procedencias culturais, propóñense desde concertos de rock, reggae ou folque ate música de corais ou da Banda Municipal, dende teatro ate karaoke ou danza e poesía, incluida programación infantil
- o uso do galego como veículo de comunicación e de expresión
- a visibilidade e protagonismo das mulleres en ámbitos onde habitualmente non están presentes (concertos de rock, por exemplo)
En conclusión, tentamos conectar coa idea de festa tradicional aplicándolle valores e estratexias mais actuais e a fórmula, polo que parece, funciona, e moi ben.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












