Non vou explicar como se me pideu, a diferenza entre os modelos de democratización da cultura e democracia cultural. A diferencia entre os modelos baseados na oferta de actividade cultural e os baseados na demanda. Entre os modelos verticais e os horizontais… entre os previsibles e os existencialistas, entre os grandes e os íntimos, entre os fríos e os emocionantes, entre os divertidos e os interrogativos, entre os espectaculares e os relacionais, entre os glamurosos e os cotiáns (Puig).-Un artigo de Alberto García
Entre os que crean e sosteñen cidadanía e os que en voz de Miralles en vez de facernos máis cultos e libres, se teñen convertido nun novo factor de desigualdade e distinción, que só aumenta a fenda entre unha minoría ilustrada e a maioría indiferente á apropiación da oferta cultural.
Non vou explicar as moitas diferenzas (e outras compatibilidades) dos dous modelos por varias razóns. A principal é que o discurso da importancia da sociocultura, da aposta pola implicación social a prol dun sistema cultural máis forte e transformador. O discurso que sustenta o peso da nosa evolución cultural na compoñente social, xa non é aquela reinvidicación histórica. O discurso da sociocultura é a día de hoxe un discurso “oficial”, o que é moi de agradecer por unha banda pero tamén nos deixa certa sensación irónica de horfandade dos tempos de Carmiña Burana, os Seminal Brothers e os inimigos íntimos que tan claros e trabucados referentes nos ofrecían.
A democracia cultural está hoxe plenamente asumida en Galiza, por unhas políticas públicas diferentes das anteriores pero sobre todo por unha sociedade máis viva que a de dez anos atrás. Unha sociedade que en termos estritamente culturais está evolucionando como o resto das sociedades occidentais: cambiando usos de simple consumo pasivo a dinámicas de colaboración participativa coas propias fontes de consumo. Pero ademais esta evolución social e cultural coincide no noso país cun renacemento social que entronca directamente coa revolución cívica provocada polo negro ronsel do Prestige e da resposta cidadá que suscitou, que ao meu entender supón un punto de inflexión crucial na historia actual de Galiza. Como di Manolo Rivas “de súpeto, o 1 de Nadal de 2002, os galegos transformaron o paraugas nun símbolo de liberación. Déronlle a volta á historia. Había un ser libre, polo menos, baixo cada paraugas. E xuntáronse como nunca antes se vira. Disque os estorniños voan xuntos e fan figuras no ar para espantar ás grandes rapinas. Unha arte defensiva. Chovía a chuzos e os galegos soltaron o pesadume do lombo e abrírono en forma de ás.”
Que ese espírito renacido e o optimismo co que se traslada neste texto, nos sirvan para reivindicar moitas veces. Desta volta a D. Isaac Díaz Pardo e a súa contribución á cultura galega contemporánea. Que así sexa.


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












