Vellas e queridas lembranzas

Luis SeoaneA miña primeira ou segunda memoria de Isacc Díaz Pardo debe ser dos primeiros anos 60 en Madrid. Escoitei o seu nome, a gabanza da súa personalidade e o primeiro reconto da súa actividade artística e política, de labios de Luis Seoane. Acababa de chegar Seoane a Madrid.-Un artigo de Herminio Barreiro

Entrevistábase coa xente de Brais Pinto. Falábanos de política, de ética, de arte, de literatura, de compromiso. Falábanos de Galicia. Da Galicia da derrota e do exilio, pero dunha Galicia nova que renacía. Falábanos da Galicia do exterior. Dunha Galicia que era máis que a Galicia abatida da posguerra. Falábanos, en fin, dunha Galicia para min descoñecida e que descubría con emoción.

O relato de Seoane era o relato dun Buenos Aires esplendente. Do Buenos Aires dos grandes murais, dos cafés pletóricos de bohemia, dos escaparates multicoloristas, das exposicións máis vangardistas. O Buenos Aires en fin de tódalas músicas e tódalas artes. A cidade de Borges, de Cortázar. A cidade tan querida da nosa patria emigrada e exilada. Dos labregos sen terras de toda Galicia e de Castelao. Un Buenos Aires do que eu non oíra nunca falar…

E retratábanos tamén Seoane, o noso querido e grandísimo artista, intelectual e patriota, aquel Madrid co que el se reencontraba e que lle parecía –dicíanos- o Madrid de La gallina ciega satirizado por Max Aub. Facíanos ver, en definitiva, o descoñecimento que nós tiñamos de nós mesmos, a necesidade de rachar con aquel mundo sórdido da dictadura franquista, a busca, en fin, do pasado republicano tan vulnerado. Abríanos os ollos Seaone cada día. Teño viva na miña imaxinación a lembranza dun día, falándonos da historia da pintura e das artes, entre o silencio e o asombro de Valeriano Bozal. E lembro a expectación e o éxito, algún tempo despois, da súa gran exposición en Madrid, na que homenaxeaba a Julián Grimau.

Falaba moito Seoane e falaba con paixón e coñecemento. E, de cando en cando, abría un gran bloc de debuxos e deseños que levaba sempre con el…E alí estaban, si, deslumbrantes, cegadoras, máxicas, as cores e as formas de Sargadelos. E entón Luis falaba con moito amor de Isaac, do espírito cheo de inquedanzas do que sería durante anos o pequeno trasno omnipotente da gran fábrica das artes galegas…

Eu lembrarei sempre xuntos a Luis e a Isaac. Non foi unha casualidade que Luis Seoane partira cara o alén mentras falaba por teléfono con Isaac Díaz Pardo. Non o esquezamos: a plástica de Sargadelos son eles dous e a sombra protectora de Picasso. Non dilapidemos a súa herdanza inalienable.