A paisaxe inadvertida

courelribaoA paisaxe de Galicia está, penso eu, de saldo. Véndese barata, regálase. Se cadra é porque non sabemos o que vale, porque ignoramos que teña valor algún. Ignoramos e, polo tanto, somos inocentes. Igual que nunha desas novas que, de cando en vez, saltan aos xornais, nas que se dá conta do achado dun obxecto de valor mítico ou incalculable (…aquela ópera perdida de von Weber, a penúltima carta de Rimbaud dende Marsella) nun recuncho esquecido dunha casa. .-Un artigo de Munilla & Rumbao

En efecto, estaba nesa caixa de papeis vellos que se levara aquel señor tan amable que nos limpou o faiado, o mesmo que agora vemos –velaí o tes no telexornal– vestido de etiqueta á porta de Sotheby's. E nos a mirar con cara de pampos.

E que será a paisaxe? A paisaxe é un nivel de organización da natureza que se atopa xusto por riba do nivel de ecosistema. É tamén unha escala de percepción humana que vai dende un ata unhas poucas decenas de quilómetros. Pero á parte das definicións que nos depare a ecoloxía da paisaxe, ou calquera outra disciplina científica ou técnica, a paisaxe é un constituínte fundamental do que nós somos. Conta Isaac Díaz Pardo que, nun dos seus viaxes á Arxentina, levoulle a Luis Seoane unha fotografía tirada dende Cabanas no ano 1956, con vistas da Ría de Ares e Pontedeume. As terras de labradío modelaban o relevo case a mollarse no mar. E apuntaba Díaz-Pardo: "O conxunto tiña unha gran beleza, hoxe diminuida pola especulación e pola cerril eucaliptización do país". Cando Seoane ollou para a fotografía, rompeu en saloucos. "Era unha situación comprensiblemente difícil": o sentimento da propia terra entendida como paisaxe foi demasiado para aquel home rexo e sensible.

riadeares

Si, a paisaxe é a pel e as formas da terra, pero, dalgunha maneira, posúe a capacidade de apoderarse dun pedazo da nosa alma. Para os románticos do XIX, a contemplación da paisaxe constituía unha experiencia estética transcendente: é dicir, que facía do individuo mellor persona. Por moito que a paguen, a paisaxe véndese sempre barata.

Pero e que a paisaxe é tamén un recurso vivo e mudable que pode ser explotado para beneficio noso sen necesidade de destruílo ou degradalo. E manteño ademáis que é un recurso dos mais importantes cos que conta este país, máis valioso que tódolos quilovatios limpos e que tódolos rodaballos mansos (por mencionar os dous tipos de industria que deterioran e desfiguran a península do cabo Vilán, a primeira paisaxe protexida de Galicia, alá polo ano 1933). Máis que tódolos eucaliptos para moer, que tódolos minutos que se poidan aforrar –ninguén sabe para que– nas vías e autovías abertas a macheta, que tódolos portos exteriores, que tódalas vivendas baleiras e tristes… Insistir nun desenvolvemento baseado en todos estes tódolos e tódalas está moi ben, se o que se pretende é xuntar cartos e liscar axiña. O cambio de paradigma é, porén, claro: trátase de traballar "dentro" da paisaxe e non "ás costas" dela. Este cambio urxente require dun certo tempo para pensar, un novo pouso na mirada e, como di meu amigo Moncho de Grobas, quererlle máis á terra.