Territorio e Medio Ambiente: unha década catastrófica?

Cabo VilánAntes de pensar en facer país quizais habería que considerar qué é un país e cáles son aqueles elementos que o definen. Puidera parecer, a estas alturas, unha pregunta retórica pero visto o escenario actual cabe máis que nunca facerse este tipo de preguntas. Parece claro que a cultura e a lingua son elementos definitorios dun pobo. Pero quedarse neste punto é claramente deficitario e proporciona respostas sesgadas e miopes.-Un artigo de Martiño Nercellas e Xavier Vázquez Pumariño

Así, parece haber un certo consenso en torno a cuestións como a recuperación da lingua, un certo orgullo na defensa da nosa cultura e no recoñecemento das nosas raíces. Mais todo isto non xurde no baleiro senón máis ben nun espacio físico e nun territorio concreto cunhas características peculiares que son o molde do propio país.

Así, dende o momento en que damos por bo un modelo de xestión do territorio baseado na depredación sobre o mesmo, atacamos; directamente as nosas sinais de identidade e á propia cidadanía. Antes de facer país hai, dende logo, que non desfacer país.

A responsabilidade é de todos. Máis son os gobernos coas súas políticas de xestión do territorio os que teñen a chave para a sustentabilidade do noso territorio nos próximos anos. A modo de exemplo ofrecemos dez eidos nos que se librará a batalla polo territorio nos próximos dez anos segundo fagamos unha política responsable e sostible ou nos deixemos levar polo productivismo caduco baseado en ideas preconcibidas sobre o país e a economía, máis propias de hai medio século. Hai claras evidencias globais da imperiosa necesidade mudar modelos de desenvolvemento actuais, incorporando a variable ambiental, e xa va sendo hora de que nos decatemos e non desperdiciemos dez anos máis, luxo inconcibible na era da información: enterremos os antigos manuais.

Infraestructuras de transporte

O modelo de construcción de grandes infraestructuras, como autoestradas, AVEs, etc., altísimamente dependente dos combustibles fósiles, é claramente insostible. Tal vez o transporte é un luxo para boa parte da poboación (cál é o prezo do barril de petróleo?) limitando así as relacións persoais e económicas. O territorio está fortemente desestructurado e segue a haber un número inxente de mortes en estrada e forte contaminación difusa.

Non se apostou polo artellamento do territorio con transportes públicos colectivos rápidos, eficaces e baratos.

Enerxía

O consumo continuou medrando a un ritmo imparable, tanto das enerxías fósilescomo de todas as demais. As enerxías alternativas, como a eólica, demostraron que non eran alternativas senón complementarias, pois non se reduciu a emisión de gases de efecto invernadoiro.

A equivocación foi seguir apostando por un modelo de producción centralizado aodictado das grandes corporacións enerxéticas e deixando poucas posibilidades para a producción descentralizada da enerxía. Neste contexto, a contribución das políticas de eficiencia enerxética quedan practicamente anuladas.

A urbanización do territorio

A política do cemento e do ladrillo seguiu sendo o motor económico e así non houbo xeito de trocar a estructura urbanística do territorio. A urbanización do mesmo continuou a ser tan dispersa como masiva. Plantéxanse serios problemas de sostibilidade: hai dificultades de abastecemento de augas, xestión de residuos, de transporte, sobre todo cara as grandes cidades, alto consumo enerxético, etc.

Non se apostou pola urbanización sostible, compacta e de calidade.

Litoral e medio mariño

A urbanización do litoral foi; brutal. A costa está irrecoñecible por macropiscifactorías, urbanizacións (máis dun millón de novas vivendas), superportos, portos deportivos e instalacións industriais. No 2018 estase a discutir o traslado de Reganosa fora da ría.

A sobreexplotación dos mares, ademais de contaminación e outros cambios, fixo que estea a rematar a actividade pesqueira e como  consecuencia as piscifactorías están xa pechadas pois non teñen subministro de penso (obviouse intencionadamente esta relación no seu día). O mercado chino, e os seus 18.000 km de costa fixeron o resto.

Auga

Complicada situación co uso dos recursos hídricos debido errática política de planificación sobre o territorio: problemas de  abastecemento, altísimos custes en subministro e depuración, contaminación e ríos e humidais moi deteriorados. As inundacións son un fenómeno común. Foi pena non aplicar a directiva marco da auga xa dende o seu comezo.

Residuos

Foise incrementando exponencialmente a súa producción. As tres erres nunca se tomaron en serio pensando que coa incineración ou variantes facían desaparecer o problema. Os custes dispáranse ao igual que a contaminación.

Medio rural

Repítense, lustro tras lustro, políticas caducas meramente productivistas sen ter en conta sostibilidade das mesmas nas súas tres dimensións: económica, ambiental e social. Así, primaron as concentracións parcelarias ao chou, o cultivo intensivo de especies arbóreas de rápido crecemento (moitos en zonas concentradas) e a gandería industrial; mentres, descoidábase a formación dos  recursos humanos e as novas tendencias dos mercados. En consecuencia, continúan os incendios cíclicos de dimensións crecentes, a progresiva desertización do territorio e a práctica desaparición e marxinalización da poboación rural residual. A práctica de facer grandes explotacións mineiras ao aire libre (Valdeorras, Caurel, Terra Cha...) fíxose norma pois o medio rural é xa un deserto demográfico e cultural.

Biodiversidade

Esto foi algo que nunca importou. Como consecuencia de todas as políticas anteriormente descritas a día de hoxe asistimos a unha simplificación do medio natural. As especies ameazadas están extintas e moitas, comúns ata fai pouco, fican arestora en vías de desaparición. Como exemplos paradigmáticos, o lobo ten agora unha poboación dez veces inferior, a aguia real, o arao e a pita do monte nin existen. Só hai especies xeneralistas, pragas e un bo número de especies exóticas. Mentres que podemos contemplar grandes extensións de cultivos forestais maderables, a penas podemos atopar bosques nalgún punto remoto do interior, onde só ficarán aqueles extensos e de renome. A consecuencia é que a penas podemos atopar natureza silvestre. Quedan os documentais na tv.

Espazos naturais

Ao entender estes como parques temáticos para o uso meramente turístico estándeteriorados e illados, incapaces de manter os ciclos bioxeoquímicos por si mesmos e inaxeitados para cumprir a principal función para a que deberan ser concibidos, pois foron deseñados como unidades illadas no medio do territorio, incluso sen áreas de amortecemento ao seu redor.

Non se concibiu unha rede de corredores de interconexión entre eles que garantiran a súa saúde.

Paisaxe

O país está irrecoñecible, é a Galicia non soñada. Non hai un só lugar dende o que un non divise varios elementos perturbadores de gran magnitude: centrais eólicas, urbanizacións, grandes infraestructuras de transporte, áreas desertificadas. O litoral éunha orla de cemento. As paisaxes de campiña tan só son apreciábeis en fotos antigas e os montes son gólgotas. A paisaxe galega foi relegada a algunha literatura do século anterior.

Vémonos en dez anos.