A política linguística do goberno bipartito

sarilleCase todo o mundo concorda en que as principais iniciativas a prol do galego no último século débense ás forzas nacionalistas. Tamén se considera que se estas forzas deixasen de actuar, as demais tendencias desentenderíanse do problema. Por iso é importante coñecer a política do BNG, a principal organización nacionalista, porque así podemos medir as enerxías e comprender cales son os obxectivos que verdadeiramente se pretenden acadar. Imos analizar ese comportamento no goberno da Xunta de Galicia, xa que é a institución decisiva á hora de normalizar a lingua galega.-Un artigo de Xosé Manuel Sarille

Despois das eleccións autonómicas, o PSOE e o BNG pactaron un programa de goberno que recolle cinco eixes centrais de goberno. Un deles é a normalización da lingua galega.

Estamos pois ante un dos cinco puntos principais do programa. Ao cabo de dous anos e pico a fraude non pode ser maior. Cando incluíron este eixe actuaron liturxicamente, como se fai tradicionalmente nos plenos municipais de Vigo. Alí apróbanse por unanimidade todas as iniciativas sobre lingua, sabendo, todos, que non se vai cumprir nada, mais precisamente por iso resulta áxil votar e pasar a outro punto.

Despois Pérez Touriño e Anxo Quintana deciden xestionar a política lingüística a medias, mais o quince de setembro de 2005 Quintana declara que "pola lingua non vai haber problema". O PSOE fíxose cargo e nomeou a responsábel, que desenvolve o seu labor co mesmo criterio e obxectivos que os anteriores directores xerais do PP, é dicir sen a máis mínima idea.

Pero polas razóns expresadas ao comezo deste artigo convén non perder de vista a quen conscientemente perdeu a lingua de vista, é dicir ao BNG. Porque aquí é onde fan o truco os seitarios: para calmar os ánimos bótanlle a culpa ao PSOE da política lingüística do Bipartito. A isto apúntanse até os deputados do Bloque. Mais a realidade é que a nomenclatura do BNG homologou definitivamente, non episodicamente, a súa política de lingua coa dos outros partidos.

Polo demais só hai tres asuntos que mencionar nestes dous anos e medio. Primeiro, o programa de goberno estipula o cumprimento do Plan Xeral de normalización, mais nada se fixo nin se fará. Segundo, aprobouse un decreto que amplía o número de materias de ensino en galego; o Plan Xeral marcaba como meta un decreto semellante ao catalán con todas as materias en galego agás as linguas foráneas, mais aquí aprobouse un co cincuenta por cento, seguindo o modelo do PP nas Baleares; o grao de cumprimento ao cabo de tres meses de curso é nulo. Terceiro, fixeron unha campaña de sensibilización de pésima calidade.

Que move á cúpula do BNG a actuar así? Eu coido que o desinterese polo idioma, que para eles é un estorbo. Por iso practican unha impostura, predican ritualmente a importancia do galego e despois inhíbense na práctica. E como na sociedade galega non se detectan outras enerxías coas que se poida contar, esta é efectivamente a crónica dun grande fracaso.