Xornal Galicia, acción en rede contra o silencio

blockxornalgaliciaO pasado 23 de Xaneiro a Rede de Acción Socio Cultura Arredemo e o colectivo Burla Negra puxeron na rúa o xornal Galicia, unha acción en rede en apoio de Isaac Díaz Pardo e documento de base do Foro Negro que ofrece unha visión plural da situación social, cultural e ambiental do país. Se queres colaborar na súa distribución podes enviar un correo a galiciaxornal[arroba]arredemo.info e solicitar exemplares. Consulta os puntos de distribución para saber onde mercalo. Podes descargar o PDF en baixa e alta resolución ou premer na portada para visualizalo.

Unha acción en rede contra o silencio

O Instituto Galego da Información naceu no ano 1977 co propósito, entre outros, de dar fundamento e sostén, dentro do novo espazo democrático aberto tras o franquismo, ao xornal Galicia, un proxecto editorial ao servizo do país, feito en galego e comprometido de seu coa nosa sociedade. Unha utopía que por diversas circunstancias nunca chegou a bo porto.

Diante do proceso de asedio e liquidación  do IGI desenvolvido pola actual directiva de Sargadelos co obxectivo de afastar definitivamente a Isaac Díaz Pardo da dirección do grupo, desde a Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e o colectivo Burla Negra, en colaboración con Novas da Galiza e outros colectivos sociais e culturais do país e moitas persoas absolutamente inconformes con este sacrificio ruín, decidimos dar testemuño deste acto de violencia contra a nosa cultura realizando por primeira e última vez aquela utopía tan vella como aínda necesaria, editando polos nosos propios medios o número cero do xornal Galicia.

Un exemplar que alén do seu valor testemuñal, quere tamén deixar constancia de que hai unha cultura viva, libre e irredutible que continúa a traballar e crear no día a día esa Galiza Imaxinaria que soñaron os devanceiros e que homes e mulleres como Isaac Díaz Pardo salvagardaron da barbarie fascista para nós e para os que veñan e as que veñan despois de nós.

Trátase dunha iniciativa que por unha banda pretende expresar de xeito activo a solidariedade de amplos sectores sociais e culturais do país coa figura de Isaac Díaz Pardo. Os pormenores de todo este proceso inzado de infamia e indignidade, son de sobras coñecidos, sendo un dos principais propósitos da edición do xornal non tanto relatar as maquinacións da actual directiva do grupo Sargadelos para afastar da dirección do grupo ao último dos seus fundadores como deixar memoria do momento histórico no que se pretende liquidar un proxecto cultural de máxima transcendencia na historia contemporánea de Galiza.

Por esta razón, a edición do xornal quere atender por outra banda, e de xeito moi especial, ao momento social e cultural que atravesa o país desde diferentes contextos e puntos de vista. O territorio, a lingua, a cultura, a economía, a política, a ecoloxía, a comunicación, a educación... son a penas algúns dos temas a abordar coa intención de propor unha reflexión colectiva en formato xornalístico que contextualice a liquidación do proxecto Sargadelos cos ollos postos no presente e no futuro da nosa sociedade.

A idea do xornal Galicia xurde tamén asociada á presentación do novo portal de comunicación da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo. O IGI ten un significado especial na xestación do propio proxecto Arredemo, pois foi neste espazo onde o colectivo Burla Negra, na secuencia da catástrofe do Prestige, convocou o Foro Negro en Decembro de 2003 do que saíron as bases para a organización dunha rede de acción socio-cultural que abrise un novo espazo de comunicación ao servizo dos movementos sociais galegos.

En recoñecemento da cerna espiritual do proxecto histórico impulsado polo Laboratorio de Formas, comprometido tanto coa recuperación da memoria histórica como coa proxección da nosa cultura no mundo, e debedores como galegos e galegas do esforzo e a intelixencia depositada polos seus fundadores na transmisión da nosa identidade cultural, recuperamos tamén o Foro Negro, reaberto no mesmo Instituto Galego da Información o 19 de Xaneiro de 2008, nesta nova andaina da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo, como un foro de reflexión social e cultural aloxado na rede e que vai servir de base teórica do propio proxecto.