'Unha lousa sobre o Courel'

namchefilms_i000012Así se titula o último traballo de Namche Producións e a Fundación Galicia Verde, relizado por Henrique Banet e Mabel Rivera en colaboración con SOS Courel e que se presenta o venres, ás 11:00 horas, no Club Internacional de Prensa de Santiago. Ver avance aquí

Unha lousa sobre o Courel pretende, nas palabras do realizador Henrique Banet e a produtora, Mabel Ribera, "romper o muro de desinformación interesada que se teceu arredor", fundamentalmente, "da serra da Campa, tratando de lle facer crer aos habitantes do Courel que esta é a única alternativa de traballo e impedindo, ao tempo, que se desenvolva un Parque Natural que si sería a solución máis idónea para a comarca con maior biodiversidade de Galiza".

No documental analízanse algunhas das características que fan que a comarca sexa “algo irrepetible” para Galiza e adéntrase en desentrañar as numerosas irregularidades que se cometen coa canteira da Campa; irregularidades que contan con apoio político e mediático. No peche de Unha lousa sobre o Courel os autores achégannos ao Parque Natural de Somiedo, en Asturias, exemplo claro de desenvolvemento sustentable e xerador de riqueza e postos de traballo.

En palabras dos autores, Unha lousa sobre o Courel "mostra, en definitiva, a historia da manipulación informativa para xustificar e impor a depredación económica dunha comarca co apoio dos propios prexudicados ao facerselles crer que non hai outra solución".