Porto exterior, aeroporto, polígono residencial, parque empresarial, parque ofimático e tamén parque natural, centro comercial e centro de ocio, conxestión e desertización, autoestrada, vía rápida e anel periférico, campus universitario, macrohospital, cidade da cultura, porto deportivo, ferrocarril de alta velocidade e de cercanías... Estes son só algúns dos dispositivos funcionais cos que se está a construír -cunha inusitada virulencia- actualmente o territorio en Galicia..-Un artigo de Plácido Lizancos
Quen define eses dispositivos? Quen os organiza, estructura, coordina, programa, avalía...? Onde se sitúan e como se dimensionan? Prevéronse os seus efectos? Sabe alguén se resultan afectuosos coa calidade de vida das xentes?
Certamente o territorio non é algo intocable, que deba permanecer inalterado. É evidente que a paisaxe -a porción do territorio no que desenvolvemos as nosas vidas e actividades- é unha construcción cultural, que modificamos a diario. É un cúmulo de signos e significados, de auras e de aberracións, sempre provocadas. Ten xa que logo a forma das vidas, dos soños e dos pesadelos. Moldéase cando desbotamos compoñentes que nos viñeron dadas en herdanza e tamén cando levantamos aquelo que deixaremos aos fillos. Mais o territorio tamén é un ben patrimonial, na medida en que soporta tódalas actividades productivas e de ai que acade valor de cambio.
De todo o que levamos dito tírase que construír un territorio non é un asunto menor, unha operación afectiva, de especulación sentimental.
Trátase dun exercicio da mais alta transcendencia xa que se deben identificar os signos e riscos que definen o espacio e establecer as prácticas -tanto as cotiás como as de longo alcance- que regulan a convivencia simultánea do patrimonio natural, dos sedimentos culturais, da presencia humana e dos dispositivos funcionais dos que falabamos na apertura deste texto.
Consecuentemente as condicións de goberno da paisaxe requiren moita responsabilidade. Non se trata só de administrar con ética os recursos da sociedade senón de tomar decisións certeiras e ter criterios racionais.
No seu beneficio o gobernante sabe que ninguén lle pide un poder omniscente senón ao contrario, sabedoría para coordinar axentes diversos, incluso a aqueles cos que non se identifica e tamén aos que teñen intereses contrapostos; todo esto para obter de cada un deles achegas coherentes coas liñas xerais de actuación.
Habitamos nunha terra en boa medida torturada, onde a paisaxe está desnaturalizada. En zonas borramos as referencias do pasado e en moitos outros lugares non temos aínda as do futuro. Xusto é dicir que esto ven de atrás. Que é consecuencia da acción política dos gobernos precedentes (probablemente dende a Idade Media), que exerceron o poder baseándose en limitacións e prohibicións, confundindo o goberno co desenvolvemento dunha sorte de tutela sobre os cidadáns. Así as cousas as leis, licencias, regulamentos, controis, axudas e subvencións durante moito tempo serviron de coartada a unha administración do territorio baseada na subxectividade, cando non no favoritismo turbio.
Construír o territorio de hoxe en diante precisa desterrar as prácticas antes referidas e exercer outro tipo de política, sostida en criterios e argumentos técnicos e racionais, transparente e amigable para cos cidadáns. Esta sería a necesaria conquista, da que o goberno progresista aínda énos debedora.
Certo é que a maquinaria que se debe alterar é poderosa pois o seu funcionamento iniciouse como diciamos arriba na noite dos tempos e algúns fíos ocultos aínda tentan mover o que ven como un teatriño de monicreques sen decatarse que é un país. Mais eso non xustifica a inacción ou, peor aínda, a toma de decisións tan determinantes e nefastas para o territorio como a apertura incondicional da planta regasificadora de Mugardos, o plan para a implantación de piscifactorías a esgalla pola costa adiante, a expansión das concesións mineiras no Caurel ou as ameazadoras expectativas que autoestradas e vías férreas de alta velocidade abren na costa Cantábrica ou no Canón do Sil por non falar das consecuencias nefastas que sobre o futuro do país terán a dispersión de esforzos en materia de infraestructuras portuaria, aeroportuaria, universitaria ou cultural, que evidencian unha ausencia absoluta de planificación. Mais non só foron asumidos e continuados proxectos e liñas de actuación como os arriba enunciados, nacidos dun sistema de goberno que vía no territorio o escenario para o exercicio avieso do poder senón que aínda non foron abertos outros proxectos e liñas de acción que confiabamos nacerían trala renovación.
Falamos da construcción das bases políticas, profesionais, sociais e administrativas sobre as que deseñar o documento definitorio do modelo territorial deste país. Un documento que -mirando aos noso veciños, dos que algúns dispoñen de tal ferramenta dende o século XIX- sempre é activado dende a cabeceira do país.
A planificación territorial é un arma poderosa e absolutamente necesaria. A súa dilación nos tempos nos que andamos é fonte de conflictos que nos avergoñan e empobrecen.
Porque bochornoso é que 2.772.533 galegos -co seu goberno ao fronte- comproben impávidos como un só deses cidadáns, propietario dunha mina, é quen decide o trazado do ferrocarril de alta velocidade que vai conectar Santiago con Ourense. Tamén nos abochorna que empresas multimillonarias tiren negocio á nosa costa, na nosa costa. Tal é o que está a darse na cidade da Coruña, onde as arcas públicas teñen que financiar o traslado á periferia das instalacións que perigosas e polucionantes empresas teñen no centro da cidade para que as súas actividades non segan a causar incidentes. O paradoxo non remata aquí, xa que a xestión ineficaz vai camiño de permitir que as plusvalías xeradas cando se desocupen as instalacións actuais non revertan na cidadanía nin tampouco se programe o traslado do cerne do negocio petrofinancieiro: a refinería que o Generalisimo levantou dentro da nosa cidade.
E estes son só dous exemplos que evidencian o moito que a planificación territorial ten que facer neste país (e que non sabemos se alguén dará feito).
Esperabamos que da renovación política nacera un goberno para o noso territorio. Mais por veces parece que o que aquí agromou foi unha empresa promotora de obras públicas. E ademais, unha empresa mediocre. Esto é, descordenada nos seus distintos departamentos, ineficaz á hora de cumprir prazos e por riba, empeñada en agrandar o aparello legal e burocrático que deu co país na desfeita que estamos a ver: unha metade estragada, sen pasado e a outra abandonada, sen futuro
Artigo publicado no Xornal Galicia, en apoio de Isaac Díaz Pardo e os traballadores do IGI


Planta de Gas de Reganosa ameaza Ría de Ferrol. Comité Cidadán de Emerxencia 












