Que mal-a educación!!!

pupitreParece mentira, se non se ve non se cre, agora que os nenos e as nenas pasan 10 anos ESCOLARIZADOS OBRIGATORIAMENTE (6-16anos), veñen co Informe Pisa a dicirnos que cada ano imos a peor: que a maioría dos e das estudantes de Secundaria teñen serias dificultades de comprensión lectora e de expresión escrita; por non falar do calculo básico, das catro regras, que parece que so manexan as nenas máis avantaxadas.-Un artigo de Concha Fernández.

A Familia di que a mala Educación é cousa da Escola, a Escola di que non é responsábel: que a Familia está desaparecida e delegou a educación dos seus fillos e fillas e, por outra banda, a Política Educativa non ten dirección nin investimentos para asumir a formación da cidanía en sociedades complexas e 'multi' (multiculturais, multiraciais…) como a nosa.

Vaia, que a culpa e de todos e a responsabilidade de ninguén! E o caso é que, os mozos e mozas entenden pouco do que len e non saben expresarse, e iso sen ter en conta que case un 25% non consegue a certificación de Estudos Secundarios!!

Os políticos e políticas, mentres, están ocupados no debate sobre a Relixión e a Educación ético-cívica, coma en tempos de María Castaña: antes de que se separase Igrexa e Estado! Iso si todos garanten, a cal máis, que se estuden –non que se aprenda nada- 2 idiomas estranxeiros e se manexen os aparellos tecnolóxicos máis chic. O que non sabemos é como se fai para aprender 2 idiomas estranxeiros sen ler e escribir o propio... Tampouco para qué imos empregar os aparellos, cada quen que se vaia entendendo!!

As nais e pais están demasiado explotadas e ocupados para que aos seus fillos e fillas non lles falte de nada (material, claro), e pouco tempo teñen para preocuparse da Mala Educación e doutras necesidades desas complicadas: afectivas, formación persoal e en valores ...

Falar de cooperación e coordinación -palabras ben difíciles, que tampouco se entenden nin practican- para resolver o problema é cousa duns poucos e poucas que seguimos a acreditar que unha Boa Educación é a mellor tecnoloxía para democratizarnos, superar as desigualdades de clase e conseguir cohesións sociais (todo moi de actualidade e moi interesante para a conversación, pero pouco para a produción).

Total que o da Mala Educación ao fin beneficia un pouco a todo mundo: mantén o estado das cousas: Pais e nais con máis tempo para traballar...Fillos e fillas con menos presión e menos esixencias... Profes e Profas máis preocupados polo seu recoñecemento social e económico que polo fracaso do sistema... Administración Educativa ocupada en cambiar leis para que todo siga igual.

A quen lle interesan cidadáns e cidadás ben preparadas? Total para traballar e traballar en precario canto menos entendas, menos saibas e menos aspiracións teñas mellor... para producir máis capital para os máis capitalistas; que, penso eu, son os mesmos da idea de introducir o Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras. E tamén, os que venden cursos e cursos á carta para prepararnos para traballar "a destajo" en traballos tan valorados e ben pagados como repoñedores, caixeiras, comerciais de obxectos sofisticados ou en servizos de seguridade dos mesmos señores e bens.