Máis de cen persoas acudiron ao IGI para acompañar ao Isaac na xunta de accionistas na que previsiblemente ía ser cesado como conselleiro delegado do grupo que el mesmo, xunto cos seus compañeiros galeguistas, conseguiron sacar adiante en pleno franquismo. Foto Ajustin.
Os recentemente expulsados ex-traballadores e ex-traballadoras do IGI, amigos e amigas de Isaac, ex-traballadores e ex-traballadoras de Sargadelos, e colectivos sociais e culturais como SOS Courel, FEG, Comité de Emerxencia Cidadá da Ría de Ferrol, Ateneo Ferrolán, Berrobambán, Chévere, Leña Verde, As Encrobas, Asociación Cultural Os Ancares, Fonte do Milagre, Cineclube Compostela, Adega, Lilith, Arraianos e Burla Negra, entre outros que acudiron á chamada da rede de Acción Sociocultural Arredemo, agardaron no espazo de exposicións do IGI ata o remate da xunta para dar un abrazo cariñoso a Isaac no contexto desta aldraxe.
Do que sabe Arredemo que aconteceu no interior da asemblea, os accionistas maioritarios non conseguiron achegar probas de ningún tipo que avalasen a censura que pretendían sobre Isaac e o actual consello de administración, polo que a súa intención de afastalo definitivamente do proxecto que el creou é, desde hoxe, máis esperpéntica se cadra. Cómpre salientar a defensa teimuda do espírito do proxecto cultural de Sargadelos, patrimonio da Galiza, por parte dos accionistas minoritarios, entre os que estaban Camilo Nogueira, Alonso Montero, Euloxio Ruibal, Luís Álvarez Pousa, Xusto Beramendi, Tareixa Navaza, Paz Andrade, entre outros, e, por suposto, o propio Isaac, que se manifestou especialmente activo.